
Ti dis: Galicia
é ben pequena. Eu dígocho:Galicia é un mundo.
Cada Terra é coma se fora o mundo enteiro. Poderala andar en pouco
tempo de norte a sur, de leste a oeste noutro tanto; poderala volver a
andar outra vez e máis. Non a has dar andado. E cada vez que a
andes has atopar cousas novas e outras has botalas de menos. Pode ela
ser pequena en extensión. En fondura, en entidade, é tan
grande como queiras, e desde logo, moito meirande de como ti a ves.
¿Non
din os filósofos que o homeé o "microcosmos",o
compendio, o resume do universo todo? Para canto máis unha Terra
con tódolos homes que nela viven.
Do grandor do teu espíritu depende todo; canto máis pequeno
sexa máis terra precisará. Se o teu pensaré fondo,
a túa Terra, para ti, non terá cabo; nela estará
o mundo con tódolos seus climas.
Se
o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco:
Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamais poderás
concebir nada grande.
VICENTE RISCO. "Da medida das cousas"

